Durante o goberno de José Luis Rodríguez Zapatero aprobouse a Lei 39/2006, do 14 de decembro, denominada de “Promoción de la Autonomía Personal y Atención a las personas en situación de dependencia”, e coñecida como a Lei de Dependencia e contaba cun calendario de implantación que se analizaría de forma gradual ata 2015.
Ata novembro de 2011 o Sistema foise implantando segundo o previsto. En decembro de 2011, poucos días despois da constitución do actual Goberno presidido por Mariano Rajoy, decidiuse paralizar o calendario de aplicación da lei, impedindo ás persoas con dependencia moderada acceder a unha prestación ou servizo.
Nos primeiros Presupostos Xerais do Estado que elaborou o Goberno do Partido Popular, e correspondentes ao ano 2012, eliminouse a partida para o nivel acordado que ascendía a 283 millóns de euros. Nos anos 2013 e 2014 o goberno de Mariano Rajoy volveu a suprimir o nivel de financiamento previsto na Lei de Dependencia.
O Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo, introduciu numerosas modificacións na regulación do Sistema que causaron enorme prexuízo ás persoas en situación de dependencia
A iso hai que engadir que a Resolución do 13 de xullo de 2012, da Secretaría de Estado de Servizos Sociais e Igualdade aproba os criterios e contidos que supoñen un importante incremento do copagamento.
Por todo o exposto o PSdeG-PSOE de Narón, somete para o seu debate e a súa aprobación se procede, a adopción dos seguintes ACORDOS:
1) Amosar o máis enérxico rexeitamento do Concello de Narón aos recortes que se están producindo na Lei 39/2006 do 14 de decembro e coñecida popularmente como Lei de Dependencia.
2) Instar ao goberno da Xunta de Galicia para que:
-Se estableza as partidas necesarias nos orzamentos da Xunta de Galicia dos vindeiros anos para que o gasto público por persoa dependente atendida sexa, polo menos, superior á media do Estado e se equipare coa das comunidades autónomas do norte con semellante distribución demográfica que Galicia.
-Que sexan atendidas todas as persoas dependentes que xa teñen recoñecido algún grao de dependencia, e que aínda están á espera de recibir a prestación ou o servizo que lles corresponde.
3)Instar ao Goberno do Estado a que impulse a constitución dun grupo de traballo con representantes dos grupos parlamentarios e comunidades autónomas, co obxectivo de alcanzar un amplo acordo para garantir a sostibilidade, o desenvolvemento e o financiamento por parte das administracións públicas do Sistema de Autonomía e atención á Dependencia.