Co alcance e profundidade da crise económica e o aumento do paro, centenares de miles de familias teñen chegado a unha situación límite que non lles permite cubrir as súas necesidades máis básicas. Os continuos recortes e medidas que dende o goberno do Estado se están a efectuar de forma cotiá, e as noticias sobre as situacións que se viven na cidadanía como consecuencia dos mesmos, confirman o desmantelamento do Estado do Benestar que tiñamos ate non fai moito tempo e o enorme esforzo que as familias deben facer para subsistir.
Ademais daquelas persoas que durante os anos anteriores á crise, dun marcado crecemento económico, xa vivían en situación de pobreza e exclusión social, téñense agregado novos colectivos, que tradicionalmente estiveron fora do ámbito da vulnerabilidade. É dicir, medran e se diversifican as demandas e, polo tanto a necesidade de maior cobertura social.
Dende o Goberno deberíanse estar adoptando medidas, como:
· Crear un Fondo Estatal de Emerxencia
· Dotar aos Concellos de novos fondos tanto para a facer fronte aos gastos correntes que ocasione a prestación de servizos sociais.
· Complementar, concertándoo coas Comunidades Autónomas, os recursos que estas destinan ás rendas mínimas garantidas, axilizando así a súa tramitación e resolución.
· Incrementar as partidas económicas que se transfiren ás políticas sociais competencia das Comunidades Autónomas.
· Crear axudas especificas contar a pobreza infantil.
Por todo o exposto o
PSdeG-PSOE de Narón, somete para o seu debate e a súa aprobación se procede, a adopción dos seguintes
ACORDOS:
1.- Instar ó Goberno de España a elaborar e poñer en marcha un plan contra a pobreza e la exclusión social que recolla medidas como as citadas na exposición da presente moción.
2.- Dar traslado desta moción ó Goberno do Estado, ó Goberno da Xunta de Galicia, así como ós Grupos Políticos con representación no Congreso e no Parlamento.