É unha cidade que aínda mantén os rasgos de ser unha antiga cidade dormitorio de Ferrol, que vivía tamén do sector naval, e que pouco a pouco se vai convertendo no principal motor industrial e de ocio da comarca de Ferrolterra.
En Narón está situado un dos meirandes polígonos industriais de toda Galiza, o Río do Pozo, no que se instalaron empresas tan importantes coma Inditex, Megasa ou Lidl. Existen ademais outros dous polígonos industriais, A Gándara, onde se atopa o maior centro comercial da comarca, o C.C. Odeón, e o polígono das Lagoas, onde hai unha cementeira das dúas que ten este concello.
O concello conta con vías rápidas de comunicación, xa que a autoestrada AP-9 no seu ramal a Ferrol atravesa o núcleo urbano, conta con dous ramais que unen o parque empresarial do Río do Pozo coa autoestrada e a circunvalación de Narón. Pasa ademais a autovía Ferrol - Vilalba e a vía de FEVE Ferrol - Xixón ten varios apeadoiros no concello.