Este concello destaca sobremaneira polas súas paisaxes naturais, sobre todo as costeiras, aínda que acceder a estas últimas é un pouco difícil pola non existencia de roteiros planificados que ocultan fermosas aldeas e paraxes na parroquia de O Val, ou a pena Molexa, que conta cunha fermosa lenda de orixe castrexa. Destaca asimesmo o Mosteiro de San Martiño de Xuvia, no Couto, románico do século XII, así como dous muíños sitos en Xuvia, o das Aceñas (de mareas) e o Grande de Xuvia na desembocadura do Xuvia. Tamén é necesario citar o conxunto de mámoas que se atopan no monte dos Nenos en Sedes, preto do Castro de Eiravedra e preto do lugar da Feira do Trece onde todos os anos se celebra un Oenach castrexo que reflexa un deses encontros entre as tribos ártabras que habitaban na Terra de Trasancos.