28 de setembro de 2021

Restringido   Contacto  Engador a Favoritos

Inicio

AGRUPACIÓN SOCIALISTA DE NARÓN

 


Home / Eleccións / E. Municipais 2011 / Presentación do programa electoral do Ps

E. Municipais 2011

Presentación do programa electoral do Psdeg-Psoe de Narón

06/05/2011

 

Emprego, servizos sociais e participación centran o programa electoral dos socialistas de Narón

No programa, presentada hoxe pola candidata á Alcaldía, inclúese a creación de microcréditos para emprendedores.

A candidata á Alcaldía de Narón polo PSdeG-PSOE, Catalina García Blanco, presentou esta mañá no local da asociación de veciños de Virxe do Mar o programa electoral co que a súa formación concorre ás eleccións municipais do vindeiro domingo día 22.

Fíxoo en compaña do deputado socialista no Congreso, Xavier Carro, e de militantes e simpatizantes da formación en Narón, que tamén integran a candidatura da agrupación para a cita electoral. No acto tamén estiveron presentes membros da comunidade veciñal.

Catalina García Blanco reafirmou na presentación a súa defensa da participación veciñal como “pilar básico” do programa electoral. Pero tamén dixo que o novo mandato terá que “xirar en torno á creación de emprego”, ante a situación económica actual. Tamén apostou pola potenciación dos servizos sociais, para “axudar aos máis necesitados”.

Participación veciñal

No eido participativo, García Blanco comprometeu que os socialistas “desenvolverán e mellorarán o Regulamento de Participación Cidadá”, lembrando que a súa creación xurdiu a partires dunha proposta da súa formación ao longo do mandato que agora remata.

Na mesma liña, anunciou que celebrarase anualmente o “debate sobre o estado do Concello” e que potenciarase un proceso propio de orzamentos participativos en Narón. Deste xeito, quérese “que os veciños acorden as obras que desenvolva o consistorio nunha porcentaxe importante, e que non decida só un concelleiro”.

Así mesmo, engádese a suxestión de que o Pazo Municipal tamén abra as súas instalacións para a atención ao público polas tardes, a apertura dun portelo único “virtual e presencial” e a creación dunha Oficina de Atención á Veciñanza.

Emprendedores

Os socialistas tamén propoñen a creación dunha liña de microcréditos desde a administración municipal “para axudar aos novos emprendedores”. Catalina García Blanco lamentou que, ata o de agora e neste eido, “cada concello traballara por separado”, suxerindo que débese “pensar en clave de comarca”.

O deputado Xavier Carro afondou na proposta, indicando que constituiríase un fondo de capital risco dotado dunha entidade xestora e un órgano participativo. Estaría “vixiado e avalado” pola Comisión Nacional do Mercado de Valores e respaldaría “pequenos investimentos”, de ata 50.000 euros por proxecto.

Ao seu entender, a súa creación non suporía “un aumento da débeda pública” e permitiría “prestar diñeiro aos autónomos e ás pequenas e medianas empresas”, xa sexa desde Narón ou de xeito mancomunado, para apoiar a aqueles “aos que non axudan os bancos”.

Emprego e servizos sociais

Tamén indícase no programa a necesidade de fomentar a formación para mozos e parados de longa duración e “simplificar ao máximo a burocracia” para a instalación de novas empresas. Neste mesmo aspecto, os socialistas abogan por traballar de xeito conxunto coas cooperativas agrícolas “para potenciar o autoemprego no rural”.

No novo mandato, o PSdeG-PSOE tamén anuncia que traballará nun “proxecto exhaustivo” para persoas con baixos recursos, de cara a que os cidadáns “teñan o básico”.

Nunha aposta polas mulleres, quérese que o consistorio negocie coas empresas medidas de conciliación, que abra unha oficina de orientación ás vítimas da violencia de xénero e que se habiliten “escolas de segunda oportunidade” para aquelas persoas “que non puideron completar a súa formación”.

Facenda e urbanismo

Os socialistas cren precisa a elaboración dunha “auditoría xeral sobre a situación económica do Concello”. A formación, ademais, propón “mancomunar os servizos que sexa posible para abaratar gastos”.

En materia urbanística, remárcase a necesidade de “consensuar o novo PXOM”, no que débese ter en conta “ás persoas con discapacidade”. Ao mesmo tempo, o PSdeG-PSOE traballará para “axilizar a burocracia para a concesión de licencias urbanísticas”.

De igual xeito, apostarase por un plan estable de mantemento da rede viaria municipal, xa que, tal e como dixo García Blanco, “agora fanse obras porque estamos en eleccións”.

Tamén impulsarase a construción de vivendas de aluguer e a dotación de servizos básicos, como o saneamento e abastecemento de auga, en todo o termo municipal. Sen esquecer o “achegamento paulatino das taxas ao custo real deses servizos”.

Cultura, deportes e mocidade


O PSdeG-PSOE asegura que o Concello debe “reforzar o traballo en prol da cultura e do deporte de base”. Para acadar ese obxectivo, inclúe no seu programa a creación da Casa das Artes, para que tamén teñan cabida na alabada oferta cultural naronesa “outras expresións”.

Pero tamén inclúese a instauración da Gala do Deporte e da Cultura, na que se recoñeza o traballo dos deportistas de Narón “sexan ou non das escolas municipais”. Para os mozos, os socialistas queren crear “un espazo de ocio nocturno nas fins de semana e períodos de vacacións” que permita amosar que “hai algo máis que o botellón”.

Ensino e sanidade

Xa no ensino, a formación entende que a administración municipal debe “estudar as necesidades” en canto á creación de novas escolas infantís. Pero tamén adiantan que é preciso “un novo centro de ensino”, ante o feito de que en zonas como A Gándara haxa rapaces pendentes de escolarización de cara ao vindeiro curso lectivo.

Reitérase a aposta por un novo centro de saúde, lembrando que a Xunta ten que asinar aínda o convenio que permita dar luz verde a esta nova infraestrutura.








 

 

 

 

 

PSdeG-PSOE , Rúa Cristóbal Colón, nº25 baixo 15570 Narón (A Coruña) Tfno./Fax: 981387609
E-mail: naron@psdeg-psoe.org
Configuración óptima 1024*768 / IE, Nestcape 4.0 ó superiores y Opera