Os socialistas piden que o goberno municipal axilice o remate do parque fluvial do río Freixeiro
A voceira do grupo municipal do PsdeG-PSOE no Concello de Narón, Catalina García Blanco, participou este mediodía nunha visita oficial ao parque fluvial do río Freixeiro, encabezada polo alcalde, Xosé Manuel Blanco. A comitiva puido coñecer os detalles da súa terceira fase, duns 50.000 metros cadrados de superficie e que se extende pola contorna máis próxima ao cemiterio do Cadaval.
Trala visita, García Blanco aplaudiu as melloras que o executivo imprimiu a este proxecto. Non obstante, subliñou que esta iniciativa poderíase levar a cabo “doutro xeito”, lembrando que o parque estaba incluido no seu programa das eleccións municipais do 2007.
García Blanco propuxo que a área teña unha “extensión maior” e que conte “con máis zonas verdes, un parque infantil máis grande e entornos para mozos”. Aínda que a nova fase inclúe infraestruturas vencelladas a deportes como fútbol ou baloncesto, os socialistas cren que esa superficie tería que ampliarse e abrirse a deportes como o skate ou o parkour.
Aínda que fose recorrendo á fórmula das expropiacións, estiman aconsellable que se amplíe a superficie do parque, precisamente na contorna do Cadaval. Unha alternativa que, tal e como dixo a voceira, suxeriu o rexedor na visita, propoñendo que a cuarta fase se extenda entre O Cadaval e A Veiga.
Visita á Gándara
Por outra banda, membros da agrupación naronesa visitaron esta tarde A Gándara. Alí repartiron entre a cidadanía material informativo relacionado coas melloras requeridas polo partido perante o equipo de goberno en relación con esta barriada.
No marco da campaña “Cerca de ti”, o PsdeG-PSOE recompilou nas últimas semanas diversas suxestións dos veciños. Algunhas delas xa foron atendidas polo Concello, nun xesto que para García Blanco supón que “o noso traballo está a ter efectividade”.
Así, concretou que o mal estado do firme dalgúns viais xa foi correxido, ademais de lembrar que, entre esas queixas, tamén figuraban o correcto mantemento do alumeado do paseo marítimo, a limpeza de varias parcelas ou o adecentamento dalgúns inmobles en estado ruinoso.