Os tres integrantes do grupo municipal do PsdeG-PSOE no Concello de Narón visitaron este pasado sábado a parroquia de Doso, onde mantiveron un encontro con representantes do movemento veciñal deste núcleo da zona rural. Acompañada polos edís Mario Isasi e Vicente Rivas, a voceira do grupo, Catalina García, reuniuse con dirixentes da asociación veciñal A Naveira, ademais de visitar algún lugares destacados desta poboación.
Así, edís socialistas e veciños de Doso coñeceron de preto a situación da pista polideportiva da parroquia, actualmente pechada á entrada do público. O colectivo veciñal ven demandando nos últimos tempos que o Concello execute traballos de mellora nesta superficie e que proceda á instalación de novo material e á recuperación dos seus vestiarios, propiciando que adquiran maiores dimensións que na actualidade. Con esta medida, consideran que Doso podería situarse en igualdade de condicións fronte a outros barrios e parroquias á hora de permitir o desenvolvemento de actividades deportivas e de lecer.
Do mesmo xeito, os veciños aseguran que unha das necesidades máis destacadas neste entorno vén dada pola propia limpeza da pista. Nun dos seus extremos, acumúlanse cascallos e materiais empregados na instalación, nesta mesma parcela, dunha antena para a mellora do servizo de internet no rural naronés. Unha antena que, tal e como denuncian, non está aínda en funcionamento.
Outras melloras
O acondicionamento da pista polideportiva ou a recuperación da ponte medieval e do muíño do Pielas, entre as reclamacións.
Os dirixentes veciñais tamén trasladaron aos edís socialistas a súa proposta de potenciación das iniciativas que teñen lugar na parroquia. O seu actual local conta cunha destacada actividade ao longo da semana, segundo afirmaron no encontro, pero sosteñen que a recuperación da pista polideportiva tería que vir acompañada da posta en valor do seu entorno para o desfrute da veciñanza, dada a ampla superficie dese entorno. Entre as ideas recollidas, figuran a creación dunha nova sede social xunto á ermida da parroquia –polas reducidas dimensións da actual e a escaseza de prazas de aparcadoiro- ou a mellora das súas zonas verdes.
Por último, García Blanco, Isasi e Rivas visitaron a contorna da ponte medieval e do muíño de Pielas. Ámbolos dous elementos patrimoniais sofren na actualidade un avanzado estado de deterioración. A representación dos socialistas de Narón coincidiu coa veciñanza na necesidade de proceder á súa recuperación, propiciando a creación dunha senda peonil que permita o percorrido por unha zona de importante valor ambiental e cultural.
Sen descoidar a existencia, nas proximidades, dunha marquesiña, que non reúne, segundo o grupo socialista, as necesarias condicións de limpeza para que a cidadanía de Doso agarde polos servizos de transporte público que atravesan a parroquia.
Encontros
A xuntanza desenvolvida o pasado sábado en Doso constitúe unha nova cita dentro do programa de visitas que realiza habitualmente o grupo socialista de Narón para recabar as inquedanzas da cidadanía. Unha serie de encontros que terán continuidade nas vindeiras semanas, de cara a poder incluír estas mesmas demandas no programa electoral para os comicios do 22 de maio.