16 de outubro de 2021

Restringido   Contacto  Engador a Favoritos

Inicio

AGRUPACIÓN SOCIALISTA DE NARÓN

 


Home / Plenos / Mocións Municipais / Moción contra as bases do decreto de Plu

Mocións Municipais

Moción contra as bases do decreto de Pluringüismo no Ensino non Universitario de Galicia

21/01/2010

 

Recentemente o actual Goberno da Xunta de Galicia  presentou o documento “Bases para a elaboración do decreto de plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia” respecto da política lingüística a seguir no sistema educativo de Galicia.


Con esta posta a disposición do citado texto, o Partido Popular ten conseguido a dubidosa  honra de que non exista ningunha institución nin sector da sociedade galega que defendan, sequera minimamente, as bases presentadas polo actual goberno Popular. Mesmo ao contrario, as críticas sucédense e a apelación ás argumentacións ponderadas e rigorosas acumúlanse unhas tras outras.


As reaccións da Xunta de Galicia non parecen amosar unha actitude favorable a acadar o necesario consenso lingüístico que din defender. Esta actitude resulta lóxica en quenes racharon co consenso lingüístico deste país, nomeadamente co Plan xeral de normalización lingüística aprobado por todo o arco  parlamentario no ano 2004, sendo daquela vicepresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó, actual presidente do Executivo galego.


O actualmente vixente Decreto 124/07 estase a desenvolver de forma razoable e positiva nos distintos centros educativos deste país e, por certo, sen ocasionar ningún conflito lingüístico, cuestión esta última que tamén recoñece o actual secretario xeral de Política Lingüística.


Debemos remarcar que o Decreto 124/07 procedeu tamén dunha chamada ao consenso por parte do Goberno anterior da Xunta de Galicia. Un texto que foi defendido e aclamado en rolda  de prensa polos tres partidos políticos, por certo, tamén polo Partido Popular antes de que neste partido se impuxeran intereses espurios en base unicamente a pretendidos réditos electorais.


Os socialistas reclamamos con firmeza que a lingua quede preservada das loitas partidarias e que o conflito lingüístico provocado polo Partido Popular desapareza do noso país. Polo que entendemos que é preciso reivindicar e poñer en práctica actuacións que permitan achegarnos a este fin e restablecer o consenso arredor duns puntos mínimos, e nun marco concreto.


O Grupo Municipal Socialista, en base ao disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das entidades locais e demais normativa que poida resultar de aplicación, presenta diante do Pleno da Corporación esta MOCIÓN:

 

•Establecer medidas de protección da lingua galega para superar a súa posición de desvantaxe.


• Non tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de desenvolvemento do galego.


• Tomar, por contra as medidas precisas no eido da educación, que garanten a competencia plena do alumnado nas dúas linguas oficiais ao rematar a ensinanza secundaria obrigatoria.


• Presentar un verdadeiro plan de aprendizaxe de linguas estranxeiras factible e rigoroso sobre a base de continuar e potenciar as medidas acometidas dende o anterior goberno e coa súa correspondente memoria económica que o faga factible.

 

• Reconstruír o consenso social e político, tomando como punto de partido o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento na VI Lexislatura.


• A enmarcar dito consenso, tal e como defende o Consello da Cultura Galega e impulsa o Grupo Parlamentario Socialista, na constitución no Parlamento de Galicia dunha Comisión parlamentaria na que, estando presente as tres forzas do arco parlamentario, conte coa participación das distintas institucións, sectores sociais, membros da comunidade educativa, ademais de asesores e especialistas. Cara á redacción final dun texto que reflicta o consenso que en materia lingüística este país necesita.

 

 

 

 

 

PSdeG-PSOE , Rúa Cristóbal Colón, nº25 baixo 15570 Narón (A Coruña) Tfno./Fax: 981387609
E-mail: naron@psdeg-psoe.org
Configuración óptima 1024*768 / IE, Nestcape 4.0 ó superiores y Opera